Continuamos investigando as árbores da nosa contorna...
Recortamos e picamos no noso libro para descubrir o fascinante mundo das árbores. A través desta actividade aprendemos a súa historia, como se plantan e cales son os coidados que precisan para medrar fortes e saudables.
Na clase traballamos a nogueira e descubrimos moitas das súas características. Observamos o seu froito, a noz, e coñecemos as súas follas, aprendendo a identificalas e a valorar a importancia desta árbore.
Seguimos traballando a serie numérica ata o 10, consolidando pouco a pouco a súa aprendizaxe. Aínda que algúns nenos e nenas xa son capaces de contar moito máis alá, todos compartimos o reto de intentar chegar ata o 100 xuntos. Ademais, comezamos a descubrir o mundo das sumas dun xeito moi manipulativo e divertido, empregando as nosas propias mans para contar, combinar cantidades e dar os primeiros pasos no cálculo matemático.
Tamén traballamos os toxos, descubrindo que non son árbores, senón arbustos. Coñecemos algunhas das súas características máis destacadas, como as súas espiñas e as súas flores amarelas, e aprendemos onde os podemos atopar.
Tamén traballamos o conteo dos bichiños máis pequenos do bosque, observándoos con atención e contando cantos había en cada actividade. Deste xeito, reforzamos a serie numérica e desenvolvemos a nosa capacidade de observación, ao tempo que descubrimos a importancia destes pequenos seres vivos no ecosistema do bosque
Esta semana vivimos un momento moi especial: chegou unha carta á nosa aula! Primeiro falamos sobre o que era unha carta e compartimos todo o que sabiamos sobre esta forma de comunicación. Despois, abrímola con moita ilusión e descubrimos que viña duns nenos e nenas de catro anos que estudan nun colexio moi lonxe do noso, tan lonxe que mesmo teñen praia preto da súa escola.
A lectura da carta espertou a nosa curiosidade e fixo que nos sentísemos moi emocionados. Por iso, decidimos que esta semana prepararemos algo moi especial para responderlles e contarlles tamén cousas sobre nós, a nosa escola e o lugar onde vivimos.










Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixanos aquí os teus comentarios!