
Esta semana seguimos investigando o fascinante mundo das meigas en Galicia e descubrimos unha figura moi especial: as meigas curandeiras.
Antigamente, algunhas mulleres coñecían moi ben as propiedades das plantas e das herbas da natureza. Sabían recoñecelas, recollelas e empregalas para preparar remedios tradicionais, infusións e ungüentos. 🌱🍃
E nós quixemos achegarnos a ese mundo de saberes e tradicións! Investigamos que herbas podían utilizar, observamos diferentes plantas e imaxinamos como serían esas mesturas misteriosas que preparaban as nosas meigas.
Primeiro puxemos en marcha o noso olfacto! 👃 Fomos ulindo, observando e descubrindo as diferentes plantas que chegaron á aula: fento, fiúncho, malva… 🍃
Despois chegou a quenda das infusións! Coñecemos diferentes variedades, como a manzanilla e os froitos vermellos. Observamos as súas cores, ulímolas e, finalmente, animámonos a probar a infusión de froitos vermellos. 🍓☕ Unha nova experiencia para descubrir sabores e aromas!

Ao día seguinte, a nosa investigación continuou coa chegada de máis plantas e herbas da nosa contorna. Cada vez coñecemos un pouquiño máis os segredos que agocha a natureza!
Entre todas elas atopamos unha que nos chamou especialmente a atención: a celidonia. 🌼 Unha planta nova para nós e sobre a que quixemos investigar.
Descubrimos que tradicionalmente se coñecía como a herba das verrugas, xa que o seu zume se empregaba nos remedios populares para tratar as verrugas. Pero o máis sorprendente chegou cando observamos que, ao partir o seu talo, saía un líquido de cor laranxa moi intenso! 🧡

E para rematar a semana,puxéronse mans á obra para preparar unhas bolsiñas moi especiais: as bolsiñas quitapesadelos de lavanda! 💜
Coñecemos a lavanda, descubrimos o seu agradable aroma e utilizámola para encher unhas pequenas bolsiñas que nos acompañarán á hora de durmir.
Segundo a tradición popular, a lavanda está asociada á tranquilidade e ao descanso, así que decidimos darlle un toque de maxia ás nosas creacións para afastar os pesadelos e convidar os soños bonitos. 🌙
Unha actividade na que traballamos a manipulación, a motricidade fina, os sentidos e a creatividade, ao tempo que seguimos descubrindo os usos tradicionais das plantas.
E así, entre herbas, aromas, pócemas e pequenos remedios, despedimos unha semana chea de descubrimentos no mundo das meigas curandeiras.

Esta semana o noso recuncho encheuse de novos elementos que nos abren as portas á imaxinación e á fantasía.
Chegou un pequeno teatriño de sombras, perfecto para inventar e representar historias; unha meiga acompañada do seu caldeiro de pocemas, no que poderemos imaxinar mesturas misteriosas con herbas e outros ingredientes máxicos.
E, como o noso proxecto tamén está conectado coa auga, incorporamos dúas novas amigas: unha serea e unha fada da auga chamada Xana, que nos achegarán ao mundo das lendas, dos ríos e dos seres fantásticos que habitan na nosa tradición.
![]() |
E tamén chegou ao noso recuncho unha nova manualidade: un buho, un animal estreitamente vinculado ao mundo das meigas e á maxia. 🦉
A súa mirada misteriosa, o seu voo silencioso pola noite e a súa presenza nos bosques fan del un compañeiro perfecto para as nosas historias de bruxas, feitizos, lendas e seres máxicos.
Despois de coñecer, explorar, tocar, ulir e investigar as diferentes herbas que fomos incorporando ao noso recuncho, chegou o momento de observar con calma e plasmar todo o aprendido a través do debuxo.
Cada neno e nena representou as herbas que traballamos, fixándose nas súas formas, cores e detalles, lembrando todo o que descubrimos sobre elas.
Unha maneira estupenda de rematar a semana.




















Ningún comentario:
Publicar un comentario
Deixanos aquí os teus comentarios!