martes, 7 de setembro de 2021

INFORMACIÓNS IMPORTANTES!

  


Ola familias!

Nesta ocasión queremos deixarvos os horarios do alumnado de cada curso de infantil, algúns recordatorios e preguntas frecuentes. Recordade

consultar de forma habitual a aplicación Abalar, a web do centro e blogue de infantil. Se non tedes descargada a aplicación Abalar facédeo urxentemente xa que será unha canle de comunicación preferente.

Se tedes algunha dúbida tras ler esta entrada, pode que outros/as tamén a teñan, así que podedes deixala en comentarios e tentaremos solucionala o antes posible. Tamén podedes chamar ao centro ou enviar un correo ao noso correo electrónico.

HORARIOS






RECORDATORIOS E PREGUNTAS FRECUENTES

Entrada.

Infantil entra pola porta pequena igual que o curso 2020-21. Ábrense as cancelas a partir de 9.05 ata 9.15 para evitar aglomeracións.


Puntualidade.

Recordade ser puntuais e evitar aglomeracións de persoas nas entradas e saídas. 


Mochilas.

Non traen mochilas. Só poden e deben traer todos os días os sobres transparentes que mercamos no cole e no que deben traer só a mascarilla de reposto nunha bolsiña de tea ou papel.

Os nenos e nenas de 5º e 6º de infantil deben traer a do curso pasado.

 

Mascarillas.

Empregarémolas para entradas e saídas.

Deben traer unha de reposto nunha bolsiña de tea ou papel dentro do sobre transparente do cole.

Os nenos e nenas de 6º de infantil deberán empregalas durante a xornada escolar a partir de xaneiro.

 

Merendas.

Non se trae merenda. Na busca duns hábitos alimenticios saudables a escola ofrece froita fresca diariamente antes dos recreos.

 

Augas.

Tráese unha botella nova co seu nome posto cada luns (ou primeiro día da semana lectivo) e os venres tiramos a vella no cole.


Como podo consultar o menú de comedor?

Para consultar os menús debedes acceder a web do centro no apartado de “Comedor escolar” (premer aquí), onde se irán colgando os menús mensuais.


Cando podo recoller o meu neno/a?

Podedes recollelos ao remate das súas clases, ou logo de comer ou a saída dos buses.


 Que é un grupo burbulla?

Un grupo burbulla é un grupo de nenos/as co que se convive de forma habitual. No caso do noso centro, que ten un número reducido de alumnos/as, temos como grupo burbulla a todo infantil e 1º e 2º de primaria. A súa vez, este grupo subdividímolo en 1º e 2º de primaria,  que comparten patio, e infantil que comparte outro espazo de patio. 

Ademais, dentro das aulas mantemos a ventilación e desinfección como o curso anterior.


Necesito avisar de algo importante ó centro ou á titora do meu fillo/a. Como podo dar o aviso?

Avisar a través do teléfono do cole: 982 87 02 62.

 

Necesito avisar dun cambio na rutina de comedor ou recollida do meu fillo/a, como podo avisar?

Ante  un cambio na rutina de comedor ou saída é moi importante avisar pola organización das saídas e aforo do comedor. Para facelo debedes chamar coa suficiente antelación ó centro a través do número 982 87 02 62.

 

Como recibirei información do centro e dos mestres/as do meu fillo/a?

Temos varias canles de comunicación ás que debedes estar atentos.

ü Aplicación Abalar.

ü Web do centro: https://www.edu.xunta.gal/centros/cpivirxemontecospeito/

ü Blogue de infantilhttp://amaxiadosaber.blogspot.com/

ü Teléfono: 982 87 02 62

ü Correo do centrocpi.virxemonte.cospeito@edu.xunta.es

ç Correo de E. Infantil: infantilcospeito@gmail.com 

 

O meu fillo/a presenta algún síntoma de enfermidade, debo levalo/a ó centro?

Non. En caso de sospeita de enfermidade non deben acudir ó centro para evitar contaxios. En caso de sospeita COVID é moi importante que vos poñades en mans de sanidade chamando á pediatra, seguir as súas instrucións e avisar ó centro.

 

Como se realizarán as colaboracións nos proxectos/actividades?

Dada a situación sanitaria actual, as colaboracións deberán ser de forma dixital. 

Ó longo do curso iremos pedindo a vosa colaboracións para participar nos proxectos de aula/ciclo e algunhas conmemoracións. 

Sempre vos avisaremos antes coas instrucións pertinentes sobre a participación. Especificaremos a canle, que poderá ser: blogue de infantil, blogue de biblioteca ou correo electrónico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixanos aquí os teus comentarios!