venres, 30 de setembro de 2022

En busca do Unicornio!

Rematando o curso pasado, e posto que xa tiñamos experiencia en investigar, fixen a pregunta que tocaba... Que vos gustaría investigar o próximo curso? 

Saíron

moitas cousas relacionadas todas elas, que nos levarán ó proxecto do trimestre (que pronto comezaremos), pero o que máis saíu sen dúbida foron os UNICORNIOS!!! 

Así, comezamos co conto "Unicornio y Caballo". Un conto co que traballamos as apariencias, os celos, a amizade, compartir e a autoestima.

Comezamos este trimestre investigando un pouco, descubrindo cousas interesantes, aproveitando para repasar un pouco o que vimos o ano anterior e refrescando a memoria tras as vacacións de verán. 

O primeiro foi reflexionar sobre o que sabían deles e saíu de todo: son máxicos, voan, non voan, son de cores, son brancos, teñen un corno... Así, empezaron a debatir se eran ou non reais e neste punto tras intercambiar teorías entre eles remataron pensando que non eran reais.

Pero entón de onde saen? Son un conto? Non o tiñan moi claro. En internet poñía que eran unha lenda. 

Martín explicou que en Cospeito tamén había unha LENDA da Lagoa e explicoulla ós compis. Paramos a falar dela e atoparon nela cousas reais e non reais. 

Buscamos sobre as lendas e descubrimos que mesturaban realidade e fantasía e que moitas veces se usaban para explicar cousas que non tiñan aínda explicación.  

Aquí vos deixamos un dos vídeos que empregamos para guiar as nosas investigacións.

E por aquí empezamos a investigar: de onde sae a lenda do unicornio?

Atopamos sobre como algúns confundiron os UROS, uns bois de Asia, con unicornios ó atopalos debuxados de perfil... 

Aquí vedes cómo lle ía quedando a Enzo! E como repasamos.

Logo o que atopamos foi o ELASMOTERIO.

Atopamos algúns rinocerontes semellantes nun dos libros da biblioteca!
Poñía que era un rinoceronte que viviu na prehistoria. Que era enorme, peludo e tiña un corno xigante. Logo quedou plasmado en papel...


 E entón chegou a quenda dos enganos... Para isto comezamos cun conto no que hai un personaxe moi pillo, TELMA!
Este conto serviunos para traballar sobre as emocións relacionades cos celos e a autoestima unha vez máis. Ademais serviu de ponte para saber que poden tentar enganarnos e é moi importante aprender e investigar para asegurarnos de que no nos enganan como fixo Telma no conto e como pasa a veces na realidade.
Así, seguimos as nosas investigacións na época dos castelos. Moitos pensaban que os unicornios eran seres máxicos e con poder, e non faltaban os pillos.
Así, algúns mariñeiros , adicábanse a cazar NARVAIS para sacarlles o corno que teñen e venderllo ós reis e nobres ricos como se foran cornos de unicornio máxicos, capaces de curar enfermidades e o envelenamento.

Sobre os NARVAIS descubrimos que o seu corno pode medir 2 metros ou máis. Para facernos a idea dese tamaño, primeiro compararon a altura de todos os nenos e nenas da clase para atopar quén era o máis alto ou alta. Resultou ser Ivana. Logo puxémola xunto un metro e foron engadindo bricks de leite ata conseguir o tamaño dun corno de 2 metros. Son enormes!

Recollémolo en papel e practicamos as simetrías.

Fíxonos moita gracia e decidimos facer a proba cos compis de infantil. Entre todos planeamos facer un corno falso. Decidiron cores e materiais. Planearon deixalo no patio pendurado na rama dunha árbore. E así o fixemos. 
Levóunos un tempo, pero conseguímolo e foi un experimento moi divertido e interesante ver as teorías dos nenos e nenas de infantil.
Ás agachadas fomos ó patio e colgámolo. 
Logo, no recreo foron  comezaron as teorías ó irse decatando de que había algo raro na árbore do patio. 
Primeiro decían que era un pau pintado. Algún dixo que parecía un corno de unicornio. Algúns dicían que non podía ser, porque non existían... Outros apuntaron que eran máxicos, así que podía ser... Que se iría voando e lle caeu na árbore... 
E un sen fin de teorías que fixeron entre eles. Mentres, os nenos e nenas de 5, escoitaban e só dicían que eles non sabían nada, que eles non fixeran nada. Que risa ver toda a escena!
Por fin, baixámolo e confesamos que era unha broma, explicaron o que sabían dos mariñeiros, os narvais e como decían que eran cornos de unicornio máxicos.
Foi moi divertido!
Continuamos con outro fonte para a lenda dos unicornios: MARCO POLO. Comezamos vendo un vídeo deste explorador e aventureiro que recorreu o mundo abraiado por todo o que viu e viviu. 


Descubriron que Marco Polo coñeceu ós rinocerontes ó pasar por Asia, sen saber o que eran. Logo, máis tarde, ó contarlle as súas aventuras o seu amigo Rustichello de Pisa, este plasmou as súas historias no "Libro das marabillas". Nel falaba dos rinocerontes como Unicornios.
Coñecemos un retrato de Marco Polo, posto que na súa época non había fotografías, e uns cadros nos que se reflicten as súas aventuras.

Coñecemos o xogo de Marco Polo, ó que xogamos na aula e logo no patio. Pouco a pouco foron cazando e eliminando xogadores por quendas. Foi moi entretido!

Como sempre, plasmamos todo en papel e fomos practicando lecto, mates... e formando un arquivo de traballiños en papel.



Esta última semana, continuamos vendo como a lenda dos unicornios pasou de ser unha fantasía e ás veces a explicación para cousas sen ela a ser parte da cultura popular e aparecer en cadros, escudos, bandeiras... Así, achegámonos a Escocia, un dos países que forman o Reino Unido, onde falan en inglés e os unicornios con moi importantes. Podémolos ver por todas partes, forman parte da súa cultura!
 
Buscámolo nun mapa para situarnos.
Investigamos un pouco e atopamos cousas interesantes sobre Escocia, como a bandeira, e unha imaxe que apuntamos para investigar máis adiante dun montro.


Atopamos emblemas cun unicornio e investigamos sobre eles en internet e en libros, nos que tamén observamos os mapas para fixarnos mellor.
Logo de investigar concentrámonos para pensar en como sería o noso emblema familiar e comentamolo entre todos e saíron cousas moi curiosas!

Logo plasmamos todo en papel e inventamos un novo emblema cun unicornio.

Tamén falamos de como na antigüidade o debuxaron nas estrelas formando unha constelación: a constelación do unicornio. Algo que xa saíra nas nosas investigacións en internet en días anteriores.

Investigámos un pouco e construímola a modo de manualidade e inventamos as nosas propias.


Como sempre deixámolo en papel aproveitando para cazar palabras, escribir e repasar mates. Ademais tras pensar un pouco en todo o visto, cada un inventou a súa propia constelación.

Decidimos facer a constelación do Unicornio para reflectila con lanternas e poder proxectala. Aquí están traballando duro decorando o carton e papell hixiénico e preparando todo para a experiencia. 




Quedaron moi chulos e xa os probamos!

Nestes días recordamos os contos de unicornios lidos na clase e coñecemos un anaco de "Alicia no país das marabillas"  en "Alicia a través del espejo", no que sae un unicornio e que comentamos na aula.


Algúns, como Adriana, coñecían xa  a ALICIA e outros non, polo que decidimos poñer un audioconto que estivo moi ben e sobre o que falamos e reflexionamos ó rematar. Con esta actividade a demais de coñecer o conto dunha forma diferente e traballar a escoita e a atención, reflexionamos sobre o mundo da fantasía. Debatimos sobre o mundo dos soños que visitaba Alicia, e en como cando soñamos podemos vivir experiencias que non podemos ter cando estamos espertos.
Aquí os tedes concentrados escoitando...

Aquí en papel o anaco do conto  no que sae o unicornio para que nos quedara para o noso porfolio. Na ficha  traballamos o conto, e lecto separando palabras, repasando mediante caza de palabras e cores e lendo alguna sinxela.

Decidimos deixar na entrada o audioconto. Pese a ter video, nós só empregamos o audio para a actividade.

E como entre lendas vivimos pasamos a investigar a imaxe do monstro que vimos ó facer a busca de Escocia: O "Mostro do Lago Ness". 
Buscamos un montón e fíxonos moita graza algunhas cousas que fomos lendo ó investigar...

Apareceron toda clase de cousas como que uns viran ramas, paxaros e ata una boia e pensaron que era un monstro...
Lemos que o describían com un plesiosaurio e de feito, vimos que así o representaron nunha estatua que aquí vos quixeron mostrar.

Atopamos que ó igual que os unicornos, o monstro do lago Ness aparece en pelis, estatuas e debuxos animados.
Chamaron a nosa atención na lista de dibus nos que sae: os dibus de Phineas e Ferb. Son varios vídeos curtos que iremos vendo a poucos na próxima semana.Podedes velos pinchando aquí.


Lemos varios artigos ós que chegamos polas imaxes que nos chamaron máis a atención. Logo tamén buscamos a Nessie con Google Maps... Pero non o atopamos!

Logo recordamos con Martín a lenda da lagoa de Cospeito e fixámonos nas partes que sabemos seguro que son reais e nas que non estamos tan seguros. Recollemos en papel un recordatorio da experiencia e optamos por inventar a nosa propia lenda de lagoas!

Aquí as deixamos a ver se vos gusta e a contades por aí e dentro duns anos igual a contan como real!




Esta investigación lévanos o noso próximo proxecto que comezará en breves e que se relaciona con este e coas súas peticións de finais do curso pasado. Unha vez comecemos enviaremos cartiñas ás casas para que poidades colaborar con nós!


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixanos aquí os teus comentarios!