martes, 30 de abril de 2013

A LAGOA DE VALVERDE

LENDA DA LAGOA DE VALVERDE

No lugar no que hoxe se atopa a lagoa de Cospeito, existiu nun tempo unha vila que chamaban Valverde. Disque a esta vila chegou un día un mendigo pedindo pousada, pero todas as portas se ían pechando ao seu paso. Ata que, xa ás aforas do lugar, foi acollido nunha casiña humilde, onde lle deron abrigo. O mendigo pediu que polo amor de Deus lle desen tamén algo de comer, pero os veciños só tiñan unha becerra no cortello, a súa única forma de manutención. Así e todo, decidiron sacrificala para darlle comida a aquel pobre home.

Logo de cear, o visitante díxolles aos da casa que antes de se deitar, botasen os ósos pequenos da becerra no cortello pequeno, e os grandes no cortello grande; malia que non entendían a razón decidiron facelo así e foron durmir.

Ao día seguinte, ao mencer, o mendigo espertou a berros aos da casa pedíndolles leite para o almorzo. Os veciños pensaban que toleara e lembráronlle que o único animal que tiñan o mataran a noite anterior para darlle algo de cear. Pero o mendigo respondeulles: «¡Claro que tedes vacas que munxir! E iso é tan certo como que a vila de Valverde fica asolagada». Asombrados, os donos da casa foron aos cortellos e atoparon no pequeno varias becerras e no grande varias vacas. Logo miraron fóra e viron que a vila de Valverde fora, efectivamente, asolagada. Hoxe é a lagoa de Cospeito.

Hai quen di que aquel mendigo non era outro que Xesucristo, que andaba a comprobar a xenerosidade dos homes. E hai quen di que nas noites de San Xoán pódense escoitar preto da lagoa as badaladas da igrexa de Valverde, e ata hai quen asegura ter visto en épocas de sequía os tellados da vella vila de Valverde.
 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixanos aquí os teus comentarios!