sábado, 10 de outubro de 2026

PRIMEIRAS SEMANAS EN 6º DE INFANTIL

 


En 6º de Educación Infantil… mudámonos de clase!

Comezamos unha nova aventura chea de ilusión, descubrimentos, xogos e aprendizaxes. Medramos un pouquiño máis e estreamos unha nova aula onde compartiremos momentos inesquecibles, novas experiencias e moitas sorrisas.

Mudámonos de clase e aínda temos moito espazo por encher de cor, alegría e creatividade. Así que puxémonos mans á obra para darlle un pouquiño de vida. 






Cando aínda estabamos dándolle cor á nosa nova clase, recibimos unha visita inesperada que nos encheu de ilusión: chegaron unhas tartarugas! 

A súa chegada espertou a nosa curiosidade e fixo que nos xurdisen un montón de preguntas. Así que decidimos poñernos mans á obra e comezar un pequeno proxecto de investigación sobre estes animais tan especiais.



O primeiro que fixemos foi escollerlles un nome, pero antes tiñamos un pequeno reto: descubrir se eran tartarugas macho ou femia! 

Para conseguilo, observámolas con moita atención e fixámonos nalgunhas das súas características físicas. Aprendemos que, nalgunhas especies de tartarugas, as femias adoitan ter a cola máis curta e a parte inferior do caparazón, chamada plastrón, máis plana ou recta. Pola contra, os machos adoitan ter a cola máis longa e grosa e o plastrón algo cóncavo.

Despois de observar todos estes detalles, chegamos á conclusión de que as nosas tartarugas eran dúas femias. 

E agora si… chegou o momento de poñerlles nome! Despois de pensar e compartir ideas, decidimos chamalas TULA e PEQUEÑITA. 

Despois de poñerlles nome ás nosas tartarugas, xurdiu unha nova pregunta: serán tartarugas mariñas ou terrestres? 

Descubrimos que non todas as tartarugas son iguais: algunhas viven no mar, outras na terra e tamén hai tartarugas que viven en ambientes de auga doce. Para diferencialas, podemos fixarnos nas súas patas, na forma do caparazón e no seu modo de vida. 

Continuamos investigando e descubrimos algo moi importante: Tula e Pequeñita son tartarugas mariñas! 

Pero a nosa investigación levounos a descubrir unha realidade que nos fixo reflexionar: o mar non sempre está tan limpo como debería.  Os plásticos, os residuos e outros tipos de contaminación poden causarlles moito dano ás tartarugas mariñas e a outros animais que viven nel.

Aprendemos que unha bolsa de plástico pode confundirse con alimento, que algúns animais poden quedar atrapados nos residuos e que a contaminación ameaza a vida mariña.

 Así que agora temos un novo reto: descubrir que podemos facer nós para coidar o mar e protexer os seus habitantes.



Despois de descubrir que a contaminación mariña pode facerlles moito dano ás tartarugas, entendemos que temos unha misión moi importante: coidar o mar para protexer os animais que viven nel. 

Queremos un mar limpo, cheo de vida e sen plásticos nin lixo. Porque cada pequeno xesto conta e, aínda que somos pequenos e pequenas, tamén podemos axudar a cambiar as cousas.

Se o mar está limpo, Tula e Pequeñita estarán máis seguras e felices!




Despois de descubrir que a contaminación pode facerlles dano a Tula e Pequeñita, quixemos demostrar que nós tamén podemos axudar a protexer o mar.


Na nosa aventura mariña descubrimos que Tula e Pequeñita non están soas! O mar está cheo de animais fascinantes cos que comparten o seu hábitat.

Aproveitamos a presenza de Tula e Pequeñita para traballar a lóxico-matemática contando tartarugas, recoñecendo números, asociando cantidadeS.

Estas semanas tamén estivemos descubrindo novas letras! Coñecemos as minúsculas e, i, u  

Despois de tantas preguntas, observacións, descubrimentos e aprendizaxes sobre Tula e Pequeñita, chegou o momento de darlle forma ao noso traballo: elaboramos as portadas do noso miniproxecto sobre as tartarugas





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Deixanos aquí os teus comentarios!